DATOS DA PERSOA ASOCIADA QUE PRESENTA O PROXECTO.

1. TITULO. Texto (ou DVD no caso de obras de teatro físico ou xéneros similares) e autor/autora do mesmo. Sinopse, público ao que vai destinado e xénero. E no caso das obras de teatro físico ou similar, deberá incluirse a descrición das disciplinas a traballar (comedia del arte, clown, cinema mudo...). 

Excepción: traballos de creación colectiva a través da improvisación. Neste caso exixirase a dirección profesional que se cita no aprtado 2.2, quedando exentos de presentar DVD de espectáculo ou texto escrito. O proxecto deberá desenvolver de maneira axeitada o tema base e mais as diciplinas que se van tratar.

2. RECURSOS HUMANOS. 

2.1. ELENCO.
A proposta debe incluir os nomes das persoas asociadas (2 trimestres de antigüidade como mínimo) que se comprometen a participar como elenco, con todas as implicacións que isto conleva (disposición para o período de montaxe recollido no proxecto, disponibilidade para as actuacións no tempo en que a obra se manteña en cartel, etc). Polo tanto, estas persoas deben estar informadas da sua inclusión no proxecto e conformes coa mesma. 

Para acadar unha maior implicación, as persoas seleccionadas no elenco dunha montaxe deberán ter en conta que só poderán estar na mesma convocatoria, nun máximo de tres proxectos desenvolvendo esta función. 

2.2. DIRECCIÓN.
O proxecto debe incluír o nome da persoa proposta para a dirección. Esta persoa debe ter experiencia profesional na dirección de espectáculos teatrais, e especificamente para o caso das obras de improvisación ou similar a experiencia deberá estar acreditada neste ámbito concreto; promovendo unha calidade e rigor na montaxe e dirección da obra. No proxecto debe estar incluído o seu caché. E dado que o proxecto non estará aprobado ate que sexa escollido pola asemblea, o contacto coa persoa debe ser informativo e non un acordo formal. 

2.3. AXUDANTE DE DIRECCIÓN.
O proxecto incluirá unha persoa asociada que ocupará o posto de axudante de dirección sendo a responsable das tarefas que isto implica (estar presente durante a montaxe e colaborar co director/a nas diversas actividades que se acorden). A persoa que asuma este posto terá a responsabilidade de "Director/a en xira" unha vez estreada a obra. 

2.4. PRODUCIÓN. Incluirase a unha persoa responsable da produción do espectáculo, que deberá coordinar e xestionar as tarefas que engloba este posto (xestión de recursos económicos acorde ao proxecto presentado, adquisición de recursos materiais, planificación de tempos e pasos a dar na montaxe, etc). 

2.5. AXUDANTE DE PRODUCIÓN.
Un socio ou socia asumirá as labores de axudante de produción, e estará encargado/a de colaborar co productor/a axundándolle nas labores antes indicadas. 

2.6. DISTRIBUCIÓN. No proxecto incluirase a unha persoa asociada para levar a distribución da obra. Este posto implica a planificación da distribución do espectáculo (cando se vai realizar cada paso, quen se fai reponsable, etc) e a xestión da mesma (contactos de distribución, espazos, envio de publicidade, detallar necesidades de publicidade, etc). O posto implica a incorporación á equipa de distribución da asociación. Así durante o tempo en que a obra se manteña en cartel (período mínimo esixido: dous anos) formará parte desta equipa, onde os seus membros irán rotando, é dicir, a persoa nova incorporarase á equipa anterior relevando a un membro e formándose durante ese ano, para no segundo ano quedar como persoa formada e acompañar á nova incorporación, e así sucesivamente.
A razón pola que este posto ten estas implicacións é que na actualidade, na asociación hai diversos espectáculos en cartel, e carecería de lóxica algunha que para cada espectáculo tiveramos unha persoa distinta na distribución. 

2.7. AXUDANTE DE DISTRIBUCIÓN.
Será a persoa encargada de colaborar co
distribuidor/a do espectáculo, tanto na sua planificación como na súa execución (contactar cos espazos, enviar a publicidade, etc). Este posto non é imprescindible. Só se incluirá se hai persoas interesadas en asumilo. 

2.8. DESEÑO DE PUBLICIDADE. No proxecto indicarase o nome da persoa asociada que se responsabilizará do deseño do material de publicidade. Esta persoa debe coordinarse coa produción (para a planificación dos tempos) e coa distribución (tamén para a planificación dos tempos e para cubrir as necesidades que se indiquen), e de ser o caso, coa dirección do espectáculo se queren realizar algunha suxerencia. Entre as tarefas máis comúns estarán o deseño do cartaz, programas de man, etc. 

2.9. DESEÑO DE LUCES. Neste posto pode figurar algunha persoa da asociación con experiencia neste ámbito, ou ben un profesional que sería contratado para a realización do mesmo, neste último caso o proxecto debe incluir o caché desta persoa. 

2.10. A/ TÉCNICO/A DE LUCES.
Unha persoa asociada debe asumir a tarefa de Técnico/a de luces, o que implica acompañar a toda a equipa nas diversas representacións que xurdan coa función de manexar a equipa de iluminación e cubrir as necesidades lumínicas da obra nos diversos espazos de actuación. Esta persoa debe participar no período de montaxe na parte correspondente a iluminación e outras tarefas vencelladas a este ámbito (corresponsabilizarse xunto ao axudante do técnico do material de iluminación do espectáculo, así como do seu mantemento e reposición de ser preciso). 

2.10. B/ AXUDANTE DE TÉCNICO DE LUCES.
Unha persoa asociada debe asumir a tarefa de Axudante de Técnico/a de luces, o que implica acompañar a toda a equipa nas diversas representacións que xurdan coa función de manexar a equipa de iluminación e cubrir as necesidades lumínicas da obra nos diversos espazos de actuación, sustituíndo ao técnico de luces cando non teña dispoñibilidade para cubrir esta función. Esta persoa debe participar no período de montaxe na parte correspondente a iluminación e outras tarefas vencelladas a este ámbito (corresponsabilizarse xunto ao técnico do material de iluminación do espectáculo, así como do seu mantemento e reposición de ser preciso). 

2.11. TÉCNICO/A DE SON.
Unha persoa asociada debe asumir a tarefa de T. de son, o que implica acompañar a toda a equipa nas diversas representacións que xurdan coa función de manexar a equipa de son e cubrir as necesidades sonoras da obra nos diversos espazos de actuación. Este posto só será preciso no caso de existir tales necesidades sonoras. Tamén pode darse a posibilidade de que o posto o cubra outra persoa que esté asumindo outra función (por ex. o T. de luces, produción ou o Ax. de Dirección). 

2.12. DESEÑO DE ESCENOGRAFÍA. Neste posto pode figurar algunha persoa da asociación, que se encargará de todo o relacionado cos elementos de escenografía. A súa labor estará coordinada coa dirección do espectáculo.

3. RECURSOS MATERIAIS. O proxecto debe incluir todos aqueles recursos materiais que se prevean precisos para a montaxe da obra, así como unha estimación económica dos gastos que conlevan. Os cambios no presuposto final, só se poderán realizar baixo aprobación en asamblea ordinaria ou extraordinaria. 

3.1. ESCENOGRAFÍA.
Proposta de escenografía para a montaxe e unha estimación do custo da mesma. 

3.2. ATREZZO.
Necesidades que o texto, a dirección ou a persoa que propón o proxecto, considere en relación ao atrezzo. Cando menos, estas deberán estar recollidas, así como o seu custo estimado. 

3.3. VESTIARIO. Unha previsión das necesidades de vestiario que serán precisas para o desenvolvemento da obra e o seu custo estimado. 

3.4. MAQUILLAXE. Unha previsión das necesidades de maquillaxe que serán precisas no desenvolvemento da obra e o seu custo estimado. 

3.5. OUTROS. Indicaranse aqueles recursos materiais que de antemán están marcados como imprescindibeis para abordar a montaxe da obra, así como o seu custo. ** Todos os apartados aquí recollidos serán considerados flexibeis, posto que “a posteriori” poderán estar suxeitos a cambios por necesidades de dirección ou produción. En todo caso os cambios no presuposto final, só se poderán realizar baixo aprobación en asamblea ordinaria ou extraordinaria.

4. RECURSOS ECONÓMICOS. Neste apartado recollerase unha relación detallada de todos os custos que terá que afrontar a asociación para a posta en marcha desta montaxe, así como unha estimación dos custos que se derivarán da distribución da mesma (por exemplo: como se organizarán os traslados aos lugares de actuación, medio de transporte, se están cubertas as necesidades de traslado da escenografía, etc). 

O custo total do proxecto será o límite que na montaxe da obra se deba ter en conta para a distribución económica da mesma (pago da dirección, adquisición da escenografía, etc). No caso de que a montaxe requerise dunha inversión maior, será preciso a consulta previa coa equipa directiva e, en todo caso baixo aprobación asemblearia destinarase unha nova partida económica.
Establécese como custe máximo do proxecto, baseándonos nas montaxes desenvoltas previamente na asociación, 6.000 €. Sendo 3.000 € o límite máximo destinado ao pagamento dos servizos de dirección e 3.000 € o limite máximo para os outros gastos. Estes límites non poderán ser rebasados en ningún caso; sendo motivos de desestimación dun proxecto. 

4.1. FINANCIACIÓN. No proxecto deben quedar recollidas as fontes previstas de financiación fundamentadas e o planning de solicitude das mesmas.

5. PLANIFICACIÓN. O proxecto debe incluir unha planificación temporal que recolla entre outros os seguintes aspectos: 

5.1. PERIODO DE MONTAXE. Deberá estar detallado o prazo temporal da montaxe nun período intensivo (por exemplo o mes de setembro), incluindo o nº de horas destinado ao mesmo (ex. 4 horas diarias, 6 horas luns-mercores-venres...), horario detallado, lugar de realización (preferentemente o local da asociación), etc. 

No caso de non poder cumprir os prazos previstos de ensaio e montaxe, debe comunicarse en Asemblea o novo período previsto, que en todo caso, deberá ser realizado dentro do ano da concesión. Se isto non se puidera cumprir, a persoa responsable do proxecto deberá comunicar en Asemblea e previo aviso á Xunta Directiva, a súa renuncia á montaxe do proxecto, cedendo o seu lugar ao proxecto seguinte e senón o asumirá a persoa responsable do proxecto. 

5.2. ESTREA. Sinalar a data e lugar preferente de estrea. Posteriormente deberán iniciarse as xestións para pechar dita data e lugar. Sempre que sexa posible deberá terse en conta a situación co convenio da Asociación co Concello de Narón. En todo caso, a estrea deberá realizarse sempre, dentro do ano da concesión. 

5.3. DISTRIBUCIÓN. Detallar a planificación prevista da distribución (tempos para a tarefas: publicidade, contactos cos espazos, vídeo promocional, etc). Debe terse en conta a data da estrea para a planificación da publicidade da obra en radio, prensa e outros medios de difusión. Asimesmo, debe estar coordinada a labor co deseñador/a de publicidade para cubrir os tempos que garanten a publicidade previa.

6. OUTROS DATOS. Recoller toda aquela información que se considere relevante. 

Se xurdise algún problema que imposibilitase o cumprimento dos datos que constan no proxecto (elenco, dirección, etc.) unha vez que se houbese aprobado, calquera cambio deberá proporse inmeditamente en asamblea para a súa aprobación.

Comentarios